PRESENTACIÓN
do Conselleiro de Traballo da Xunta de Galicia, D. Ricardo Varela Sánchez
É unha realidade coñecida no noso mundo de prevención que as taxas de siniestralidade laboral están moi por enriza do desexable e do comparable con outras sociedades. Polo tanto, semella que xorden dúbidas sobre a aplicación real do comportamento ético e responsable en contraste coa súa utilización para fins estratéxicos.
A responsabilidade do empresariado recollida en materia da relación laboral e a responsabilidade de todos os integrantes da organización en materia preventiva, elementos que sinala a Lei de Prevención de riscos laborais, conforman un bo exemplo de como as expectativas sociais se transforman en normativas que marcan o camiño para un “comportamento seguro e saudable”.
A normativa nesta materia preséntase coma un exemplo ao considerar a consulta e participación dos traballadores e traballadoras nas decisións que lle afectan, xunto coa da súa adecuada formación e información como alicerces que sustentan o seu obxectivo.
É necesario abrir a discusión sobre a ética e a responsabilidade social corporativa baixo a perspectiva do concepto da xestión integrada de prevención de riscos laborais, e describir cal é a realidade das empresas e as súas pemes provedoras hoxe en día. Asemade, débese expor cales son as previsións en canto ás demandas sociais que os propios mercados lles están a impor, sen esquecer que a produción mediante a integración de recursos, tales como o compromiso e a confianza, son prácticas demostradamente rendibles.
Un dos aspectos básicos da responsabilidade social é a política de seguridade e Saúde no traballo que, á súa vez, constitúe parámetros que empregan as empresas para medir o seu progreso nesta materia. As empresas “socialmente responsables” son as que asumen na súa organización unha auténtica cultura preventiva a todos os niveis xerárquicos e asumen as consideracións de todos os seus interlocutores ou grupos de interese. Para conseguilo non basta co cumprimento formal da normativa, senón que cómpre ir alén das ordes contidas na mesma. Así, a política social debe estar integrada na xestión diaria da empresa de xeito que se converta nun elemento reitor do seu funcionamento; todo isto se debe a que “a imaxe empresarial é reflexo do seu benestar laboral”.
Partindo deste convencemento, a Xunta de Galicia desexa compartir con todos vostedes o valor engadido que achega a celebración do “I Congreso Internacional de Prevención de Riscos Laborais e Responsabilidade Social Empresarial na peme”.
|